Thursday 25 de April de 2024

A primeira fase do Plan de choque de limpeza executarase nos vindeiros días


A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín Formoso, asinaron esta mañá o convenio polo que Tragsa asumirá a prestación coa que se mellorará a salubridade de toda a cidade atendendo aqueles puntos con máis residuos e realizando un maior esforzo nas zonas cunha densidade alta de poboación

O concello e a Deputación da Coruña formalizaron esta mañá o convenio polo que a empresa Tragsa porá en marcha nos vindeiros días o novo Plan de choque de limpeza. O traballo comezará cunha primeira fase de 256.000 euros e 30 días de duración, en que se empregarán dez vehículos máis nos que desenvolverán as súas tarefas un total de 21 traballadoras/es, entre eles, seis son condutoras/es, doce peoas/peóns, dúas persoas capataces e unha con título medio. O horario laboral será de 07.00 ás 15.00 horas, de luns a venres, e non haberá quenda de tarde nin a nocturna para evitar os ruídos da maquinaria. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou na sinatura co presidente da Deputación, Valentín Formoso, que coa execuación do plan se adecuará a cidade as súas esixencias e garantirase unha mellor salubridade.
Co novo contrato, o concello realizará un maior esforzo nas zonas cunha alta densidade de poboación e coordinará o labor do equipo contratado para a limpeza co do persoal traballador dos servizos ordinarios para que o plan adquira unha maior profundidade. Deste xeito, atenderase á posta a punto de elementos como as marquesinas e os pavimentos, nos que se actuará nas manchas, verdíns, malas herbas e na suciedade en xeral. Tamén se realizará un baldeo con desinfectante das rúas e actuarase en localizacións concretas afectadas pola falta de hixiene ao concentraren unha cantidade excesiva de residuos.

Pola súa parte, o presidente da Deputación afirmou que o convenio asinado é un exemplo de colaboración e expresou a súa satisfacción por que a Deputación sexa un instrumento útil para servizos esenciais como a limpeza e a desinfección da Coruña “nun momento en que é máis necesario aínda por mor da pandemia”, engadiu.